IniciosociedadeTodo listo para recibir a serea máis famosa de Galicia, a Maruxaina

Todo listo para recibir a serea máis famosa de Galicia, a Maruxaina

As festas comezan xa este venres coa "Pre-maruxaina".

Publicada o

- Advertisement -

Tres anos despois das gravacións a mulleres ouriñando que manteñen aberta unha investigación xudicial, a localidade de San Cibrao, en Cervo, volverá celebrar a partir deste venres as súas festas da Maruxaina, que contará este ano con máis seguridade, mesmo privada, máis baños públicos e un ‘punto violeta’.

Trátase dunha celebración que recae o segundo sábado de agosto desde 1985 –aínda que en 2020 e 2021 non houbo festexos pola pandemia– e trata de escenificar a lenda da Maruxaina, un personaxe con aspecto de serea que vive nun castelo baixo a auga e da que uns din que é boa, porque avisa aos mariñeiros dos temporais, e outros que se dedica a seducilos para que se perdan no mar.

Nestas festas, declaradas de Interese Turístico Galego, San Cibrao recrea a detención e xuízo ao que foi sometido a Maruxaina, con homes e mulleres que se visten como a antiga xente do mar. Os mariñeiros saen ao mar en busca da serea mentres fan soar cornos e bucinas para non escoitar o seu canto. Logo, regresan con ela e condúcena á Praza dos Campos para que sexa xulgada polos seus actos. A Maruxaina sempre é absolta e o xuíz, na lectura da sentenza, ordena celebrar unha festa.

Aínda que este sábado serán os actos centrais, xa o venres desenvólvese a Pre-Maruxaina cun ‘chupinazo’ que dá inicio ás festas ás 19,00 horas na praza, así como co nomeamento do Maruxaino e a Maruxaina de Honra 2022.

O día grande, o sábado, estará animado desde primeira hora por charangas e gaiteiros. Xa pola tarde, está previsto o desenvolvemento duns xogos populares na praia e ás 23,00 celébrase o desembarco da Maruxaina na praia do Torno xunto cun espectáculo de fogos artificiais. O xuízo popular é a medianoite, tras o cal haberá unha degustación gratuíta e unha verbena.

MÁIS SEGURIDADE E BAÑOS

Segundo avanzaba en días pasados o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, este evento contará con máis presenza da Garda Civil e de seguridade privada, que velará porque non se repita as gravacións ilegais de fai tres anos a máis dun centenar de mulleres mentres ouriñaban, que nalgún caso subíronse a webs pornográficas.

En concreto, o rexedor prometeu “cubrir máis os espazos de seguridade e de baños públicos para que a festa siga sendo un referente non só na Mariña, senón en toda a provincia”. Á parte da maior presenza de axentes, acorgada na xunta local de seguridade, porase un ‘punto violeta’ para previr agresións a mulleres.

“Falamos dunha festa declarada de Interese Turístico Galego e, como todas as festas, a clave é vir con ganas de pasalo ben e con ganas de gozar do pobo”, destacou Villares, quen apelou tamén ao civismo, porque a afluencia de miles de visitantes fai “moi difícil” controlar todos os comportamentos.

A INVESTIGACIÓN CONTINÚA ABERTA

A Maruxaina de 2019 será lembrada como aquela en a que se produciron gravacións de mulleres mexando na rúa e que foron subidas a páxinas de contido pornográfico. A investigación, que leva o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, continúa e aínda quedan por comparecer unhas 20 do máis dun centenar de mulleres que aparecen nestes vídeos, que xa foron eliminados de Internet.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...